O proxecto da Escoliña
No barrio de Monte Alto
Falar de Monte Alto é facer referencia a unha escola pequena, ou “escoliña” como moitas familias así a chaman.
Os edificios e as instalacións non definen ningún proxecto de traballo, pero si é certo que o determinan ata tal punto que obrigan aos profesionais que a xestionan a desenvolver prácticas moi creativas para facer dun espazo moi peculiar (cuxa construción data dos anos 80) e da súa contorna próxima, un proxecto diferenciado, adaptado e coherente cun estilo e personalidade propia e referente da contorna na que se ubica.
Dende a mirada dos nenos, a escola é coma unha casa familiar (o seu logotipo é un debuxo infantil que nos identifica como una casa) e ofrécese como unha prolongación do fogar, para ser habitada por e para os nenos e nenas, coas súas dependencias e espazos recoñecidos, coas súas escaleiras para subila e baixala cantando e trasladarse polos seus corredores cheos de imaxes e historias, e con elas e eles, o grupo de persoas que os acompañamos e coidamos no máis amplo senso da palabra.
O proxecto realizado foi un reto e propoñémonos, con esta nova licitación á que nos presentamos, que o siga sendo e engadimos ao mesmo a ilusión de poder alcanzar no transcurso do tempo, unhas novas instalacións, esa “escola soñada”, na que prolongar a nosa acción educativa.
Os nosos valores
Ser unha escola amable, acolledora e moi familiar. O contacto coas familias é diario e permítenos xerar un círculo de relacións estreitas e un ambiente de acollida axeitado para o diálogo e a conversación sobre o tempo vivido na escola. Un ambiente que favorece a educación personalizada e integral.
Facemos unha escola participativa e activa, na que cada familia conta ao longo do curso con diferentes propostas para gozar das celebracións, contacontos, obradoiros, cultivos na horta, charlas, etc. Unha proposta coherente e reflexiva sobre o papel participativo da familia.
Unha escola solidaria e comprometida, conectada coa realidade e coas actuacións que como ciudadáns responsables debemos afrontar. O noso posicionamento cara á non violencia, ao coidado polo medioambiente, á solidaridade e á cooperación.
Unha escola plural e diversa, respectuosa coas singularidades de cada persoa, tolerante e defensora dos dereitos do neno, da igualdade en todos os seus ámbitos e da non violencia.
Unha escola aberta á cooperación cos demais profesionais ofrecendo recursos e proxectos, para poñer en común accións colaborativas que melloren as actuación cara a infancia.
Unha escola de persoas que nos gusta mirar sempre para fóra, curiosas e inquedas, para aprender e recoller coñecementos e experiencias dos demais.
Unha escola de persoas capaces, con calidade humana, responsables e comunicativas.
Una escola que se reinventa para xerar contextos axustados que potencien a creatividade e satisfaga as necesidades das accións.
Unha escola de escoitas, atenta e sensible ás necesidades e emocións das persoas coas que nos comunicamos, sempre dispoñibles a poñernos á altura dos nenos e nenas, para coidalos e acompañalos nos seus logros e expresión.
As familias, pezas imprescindibles
A familia é unha peza imprescindible na tarefa educativa, xa que actúa como axente facilitador e competente no desenvolvemento integral do menor.
Desta forma podemos confirmar que un dos pilares básicos deste proxecto é a colaboración, coordinación e participación familia-escola, polo que é primordial afianzar e potenciar as relacións de comunicación e confianza mútua entre ambas dende o primeiro momento.
Consideramos moi importante poñer en valor e ter en conta a diversidade familiar, cada vez máis visible na nosa sociedade.
O respecto e a pluralidade son partes deste proxecto no que a diversidade é entendida sempre como unha achega que nos beneficia e enriquece.
Dinamización familiar
Interese pola escola, os primeiros encontros. Asistir e responder ás convocatorias iniciais xa é un primeiro paso para a participación. Dende este momento inicial é imprescindible porque sen a presenza das familias, sen os seus comentarios, suxestións, etc. non tería sentido o noso traballo.
Encontros grupais. Son momentos nos que se trata de poñer en común aspectos que resulten interesantes e primordiais para as familias, para logo ir abrindo diálogos sobre as normas de convivencia sobre o proxecto educativo, a formulación da alimentación e do tempo de descanso.
Encontro inicial ao comenzo do curso escolar con cada familia. É importante conceder tempo para que a familia teña oportunidades de ter toda a información que considere necesaria para confiar, organizar ou planificar o que será o comenzo do tempo escolar.
As reunións con grupos de nais e pais. Ao longo do ano, na escola manteranse encontros periódicos e puntuais co obxectivo de manter informadas as familias, tanto de aspectos educativos como organizativos: reunións de aula de principio de curso, reunións sobre temas concretos, reunións relacionadas con aspectos sanitarios e de seguridade.
O encontro diario, momentos de acollida e despedida. As características da escola permiten que a diario as familias teñan oportunidade de comunicarse persoalmente cos membros do equipo e da dirección. Durante este momento, que coincide co reencontro, as familias teñen oportunidades de participar en propostas diferentes relacionadas cos proxectos da escola.
A participación das familias
Participar é dar parte do teu tempo ou coñecemento nunha acción, en beneficio do grupo. Participar está ligado a un interese común, a unha actitude de respecto e de diálogo, á aceptación do consenso e de decisións de grupo.
A participación da familia pódese canalizar de varias formas:
- A participación en actividades e proxectos de escola.
- A asociación de nais e pais ANPA.
- O Consello Escolar.
Actividades e proxectos de escola
Por experiencia sabemos o enriquecedor que é que as familias traballen conxuntamente coa escola; é unha experiencia gratificante, tanto para as propias familias como para os nenos e nenas e o equipo educativo.
Presentamos numerosas propostas onde as familias poden participar. A modo de exemplo, sinalamos: paseos e visitas, obradoiros e contacontos, maletas viaxeiras e libros viaxeiros. propostas de actividades plásticas de aula ou escola, festas, charlas, etc.
Como familia, a nivel individual, as portas das aulas sempre están abertas e calquera familia, que ten a posibilidade de participar naquelas cousas que están relacionadas co que estamos traballando na escola e que nos poden enriquecer.
A asociación de nais e pais
A ANPA está constituída polas nais, pais, titores e titoras do alumnado. O carácter de asociación ten efectos legais, xa que se constitúe cuns fins determinados e estatutos propios. No RRI aparecen recollidas as súas competencias.
En Monte Alto existe e funciona a ANPA TITONGO desde hai máis de 30 anos. É unha asociación que contribuíu moito ao bo funcionamento da escola e está moi presente no seu día a día, destacando a implicación e coordinación en proxectos.
A ANPA dende hai nove anos ofrece a actividade de música dentro do horario escolar para todos os grupos independientemente de se son familias socias ou non. Xestiona tamén a limpeza da roupa de uso común da escola (babeiros e mandilóns, semanalmente) favorece a realización de celebración e a organización de actividades complementarias.
Durante o curso escolar mantéñense reunións coa xunta directiva da ANPA.
O Consello Escolar
É o órgano decisorio que canaliza a participación de todos os membros da comunidade educativa.
Nas súas reunións expóñense os proxectos, programacións, orzamentos, etc. e é onde se canalizan as opinións, acordos e decisións que afectan á xestión da escola.
As súas competencias aparecen recollidas no RRI, así como a súa formación e organización.
Mecanismos de comunicación
A comunicación coas familias neste momento faise a través do correo electrónico e de Whatsapp. Utilizase de forma xenérica para facelos partícipes de avisos, comunicación do proxecto xenérico da escola, recordatorio de datas, celebracións, así como para dar a coñecer experiencias en formato vídeo, collage ou fotografía.
En papel entrégase exclusivamente información que é preciso gardar ou que recoñecemos pode ser necesaria para coñecer por distintas vías (telemática e papel). A plataforma TokApp súmase a estes mecanismos de comunicación. A vía telefónica segue vixente aínda que recoñecemos que o seu uso queda reducido a momentos puntuais e urxentes.
A carpeta persoal.
É unha libreta que utilizamos como elemento de información entre a escola/familia e a familia/escola.
Dende a casa poden deixarnos aquelas informacións que consideren relevantes para que saibamos na escola. Nós utilizarémola para transmitir información do día: sono, alimentación, hixiene e aquelas cousas que consideremos que temos que compartir coa familia.
Esta carpeta é para o grupo de primeiros meses.